Superbén, súper ben ou súper-ben?

Super- é un prefixo que utilizamos a miúdo para darlle un valor superlativo a un adxectivo ou a un substantivo ao que vai directamente ligado. Tamén pode significar ‘encima de’, ‘máis alá’, ‘en exceso’. En todos estes casos, engádese á palabra sen guión e sen acento:

Superheroe, superbonito, superpoñer, superabundante…

Non precisamos ningún guión nin moito menos acentuar o prefixo, xa que a palabra resultante compórtanse como unha soa palabra e segue as regras xerais de acentuación. Por tanto, a forma correcta será superbén e acentúase porque é unha palabra aguda rematada en -n.

Non obstante, existe outro súper, o que utilizamos, por exemplo, ao nomear un tipo de gasolina. Neste caso, non é un prefixo e funciona de forma independente, por iso se acentúa.

Botácheslle gasolina súper ao coche?

O significado varía totalmente se usamos o prefixo:

Estanse desenvolvendo investigacións para descubrir unha supergasolina cun nivel menor de viscosidade máis fácil de transportar.

Podemos atopar este súper tamén ao falar dunha calidade superior, ou como adverbio, co significado de ‘xenial’:

Comprei un aceite de calidade súper.

Pasámolo súper.

Foto de Zhen Hu en Unsplash