15/08/2017

Porque, porqué ou por que?

Porque, por que, porqué, porqués… Sentes unha lixeira incomodidade ao ler esta secuencia? Algo de fastío? Non te preocupes, é a reacción lóxica. Pero, aínda que parece algo complicado, o certo é que nun par de minutos podes aprender o que fai falta para non cometer ningún erro.

Porque

Vou porque quero.

É unha conxunción que expresa unha causa ou unha finalidade. Responde a unha potencial pregunta Por que…? Sinónimo de posto que ou xa que. Probablemente sexa o caso máis frecuente. Asegúrate de sabelo identificar ben.

Porqué

Xa coñecín o porqué do seu enfado.

É un substantivo masculino, esixe un artigo diante e pode ir en singular ou en plural. É sinónimo de motivo. Como vedes, tamén é moi fácil de distinguir.

Se entendestes estes dous apartados xa tedes todo practicamente solucionado. Aínda que agora vén o interesante…

Por que

Por que¹: Por que o fas?

Aquí temos un pronome interrogativo. Nunha interrogativa directa, ao levar os signos de interrogación, non resulta problemático. Por suposto, non leva acento gráfico.

Tamén aparece nas interrogativas indirectas:

Dime por que o fas.

En ambos os casos temos que poder inserir “razón” despois de por que. Se queremos ser máis expresivos, sacamos “razón e poñemos “demo”:

Por que razón o fas? Dime por que razón o fas.

Por que²: É o motivo por que te chamei

Representa a combinación da preposición por e o pronome relativo que. Neste caso, podemos inserir un artigo entre ambos:

É o motivo polo que te chamei.

Por que³: Fixo por que a chamaran antes.

A preposición por aparece porque o verbo esixe o seu uso para expresar un determinado significado, é dicir, o verbo rexe esta preposición (mirar por, facer por…).

Mirou por que me tratasen ben.

Este non é un caso moi frecuente, estatisticamente falando é mellor centrarse no resto.

Un atallo sen ningún traballo

Como vedes, os casos máis difíciles de identificar corresponden ao por que separado. Entón, o máis sinxelo será identificar cando se escribe xunto:

  • Cando introduce unha causa ou unha finalidade.
  • Cando é un substantivo masculino equivalente a motivo.