23/02/2016
Cando hai que poñer a diérese?
A diérese ten dous usos en galego. Un deles é moi coñecido pero o outro non é tan popular. Imos revisalos brevemente.
1. O uso máis frecuente aparece coa letra -u- para indicar que se pronuncia nas secuencias güe, güi fronte a gue, gui:
Lingüística, ambigüidade, pingüe, pingüín…/guitarra, guerra, guedellas, guía…
2. Á parte deste uso, tamén aparece na primeira e segunda persoas de plural do copretérito (imperfecto) de indicativo dos verbos que rematan en -aer, -oer, -aír, -oír, -uír: caïamos, caïades, oïamos, oïades, saïamos, saïades, traïamos, traïades etc.
Por que poñemos a diérese neste caso?
Esta diérese resúltanos útil para distinguir as formas do copretérito das do pretérito de subxuntivo: caiamos, caiades, oiamos, oiades, saiamos, saiades, traiamos, traiades etc.
Antes non traïamos tanta equipaxe cando viñamos./ É posible que mañá só traiamos un coche.
Foto de Jacky Watt en Unsplash