27/07/2018

Currículo ou currículum?

Currículo é unha forma perfectamente normativa e podemos usala sen reparo ningún. É unha palabra de uso habitual desde hai tempo e adaptouse plenamente á escrita do galego, por tanto remata en -o e acentúase porque é unha esdrúxula. O seu plural é currículos e escríbese en letra redonda.

“Estou refacendo o meu currículo outra vez.”

Desde logo non foi a única palabra do latín rematada en -um que se adaptou ao galego. Outras palabras como memorando ou referendo tamén pasaron a escribirse cun -o final.

Ademais, tamén podemos usar currículum vitae, en letra redonda e acentuado. É unha locución latina, recollida tal cal no Dicionario da Real Academia Galega.

“O formato do currículum vitae depende tamén do contido que queiras destacar.”

Podemos, pois, usar calquera das dúas formas pero hai que evitar as mesturas do tipo *currículo vitae.

Foto de Lachlan Donald en Unsplash