21/04/2016
Se non ou senón?
Sabes diferenciar entre se non e senón?
Senón pode ser unha conxunción que introduce unha rectificación (non son seis senón sete). Tamén poder ser un nexo comparativo, equivalente a “máis que” que só se dá en oracións negativas (co seu comportamento non atopan senón rexeitamento); este caso é menos frecuente.
Por outra parte, se non está composto do condicional se e mais da negación non (se non vés, non cho dou; trae o coche se chove, se non, non).
Dous trucos
Se existe un carácter condicional sempre se escribe separado. Se, aínda así, temos dúbidas, hai dous pequenos trucos que nos poden axudar a resolvelas:
1. Normalmente, no caso de se non (separado) podemos inserir un suxeito entre o se e o non sen que a frase perda o sentido:
Se (ti) non vés, non cho dou.
Se (eu) non podo chamarte, mándoche unha mensaxe.
2. Ademais, se estamos diante do condicional e mais a negación poderemos poñelos ao revés:
Se non vés, non cho dou. > Non cho dou se non vés.
Se non fora pola reunión, marcharía agora mesmo. > Marcharía agora mesmo se non fora pola reunión.
Proba a facelo coa seguinte frase:
A gala non foi no Teatro Principal senón no Colón.
Aquí non hai ningunha condición. Ademais, a imposibilidade de darlle a volta dános a pista para escribilo xunto.