23/02/2016

As 4 dúbidas dos puntos suspensivos

Aínda que parece un recurso simple, os puntos suspensivos atraen bastantes erros, especialmente cando van con outros signos de puntuación. Podemos resumir en catro puntos as claves para escribilos ben:

1. Colócanse inmediatamente pegados á palabra e non se insire nin espazo nin outro signo de puntuación. O espazo vai entre os puntos e a seguinte secuencia:

Incorrecto: *O ciclo ofrecerá concertos en igrexas, museos, mosteiros, pazos,…

Incorrecto: *Concretaremos os recursos precisos: económicos, organizativos, políticos … e definiremos os axentes responsables.

Correcto: Concretaremos os recursos precisos: económicos, organizativos, políticos… e definiremos os axentes responsables.

2. Os puntos suspensivos son só tres e non un número indefinido! Isto implica que tampouco poñemos un punto final ou punto e á parte detrás deles:

Incorrecto: *Enviamos cartas, correos, fax…. Total, para nada.

3. A non ser o punto, poden ir seguidos de calquera outro signo de puntuación:

Correcto: Enviamos cartas, correos, fax…, total, para nada. / Enviamos cartas, correos, fax… Total, para nada.

4. Os puntos suspensivos tras enumeracións dan a entender que poderiamos seguir engadindo elementos. Para este fin, tamén nos serve etcétera ou etc. pero debemos elixir; se usamos os puntos suspensivos non podemos poñer etcétera ou etc. Ou un ou o outro!

Incorrecto: *Esta ruta ofrece moitos atractivos: os petroglifos de Fragoselo, os dolmens do Mercantil, etc…

Incorrecto: *Aquí utilizamos máquinas metalúrxicas, transportadoras… etc.

Foto de Rachael Gorjestani en Unsplash