23/02/2016
A escrita dos números
Normalmente, as cantidades escríbense con cifras, especialmente en textos científicos e técnicos, porque son máis claras e sintéticas.
Mais hai casos en que é preferible o emprego de letras, sen que isto implique a existencia dunha regra ríxida, porque non a hai. Na redacción de textos xerais ou literarios, aconséllase a escrita con letra dos numerais cardinais, especialmente do 0 ao 9.
Preséntanse dous documentais e oito películas de animación.
Tamén se recomenda a letra cando nos referimos a unha cantidade aproximada:
Haberá, máis ou menos, unhas trinta persoas.
É bastante común evitar os números ao comezo dunha frase ou despois dun punto. Porén, non é incorrecto comezar unha frase así. Iso si, en caso de escribir o número, a palabra seguinte ten que comezar por minúscula:
Cento cincuenta persoas participarán nestas xornadas.
150 persoas participarán nestas xornadas.
Con espazo ou sen espazo?
Se as cifras van acompañadas por un símbolo, teremos que inserir un espazo entre ambos (17 °C, 5 km), segundo as recomendacións do Sistema Internacional de Unidades (SI). O símbolo da porcentaxe tamén se escribe separado cun espazo da cifra (5 %, 15 %).
Incorrecto: *7%, *12km, * 12h
Correcto: 7 %, 12 km, 12 h
Con punto ou sen punto?
Por outra parte, convén coñecer certas convencións relacionadas coa puntuación dos numerais:
- Os anos escríbense sen punto entre as unidades de millar e as centenas: 2016, 1998…
- O SI aconsella que os números superiores á unidade se escriban en grupos de tres, separados por espazos, tanto á dereita como á esquerda a partir do separador decimal; non recomenda utilizar comas nin puntos entre eses grupos de tres. Nestes casos, cómpre evitar que as cifras se rompan en dous renglóns ou se separen do símbolo se van con el.
123 456 789,987 65
25 400 km
Temos 640 000 estudantes de 190 países.
- Cando representemos unha indicación horaria, podemos empregar un punto para separar as horas dos minutos. Neste mesmo caso, tamén podemos usar os dous puntos, xa que é a recomendación da ISO 8601.
O comezo das xornadas está fixado para as 10.30 do sábado.
O comezo das xornadas está fixado para as 10:30 do sábado.
Foto de Gonard Fluit en Unsplash