28/09/2016
Grans, graos e grados
Entre as seguintes frases, só unha delas é correcta. Cal pode ser?
- O grado de cooperación entre organizacións sociais varía.
- Aínda que non o fixeron de bo grao, aceptaron a proposta.
- En países produtores de café, máis de 25 millóns de persoas dependen dos ingresos procedentes deste gran.
Ben, se identificaches a terceira opción como a correcta, probablemente non precises seguir lendo. Efectivamente, é a correcta.
Grao
Emprégase para designar unha unidade de medida, o título dalgúns estudos ou o lugar que se ocupa nunha escala:
O *grado de cooperación entre organizacións sociais varía. > O grao de cooperación entre organizacións sociais varía.
As queimaduras de primeiro grao afectan só a capa externa da pel.
A universidade ampliará a súa oferta de estudos de grao para o próximo curso.
Neste mes é frecuente que haxa algúns graos baixo cero.
Grado
Existe só para o significado de ‘pracer ou desgusto co que se fai algo’ (de bo grado ou de mal grado).
Aínda que non o fixeron de bo *grao, aceptaron a proposta. > Aínda que non o fixeron de bo grado, aceptaron a proposta.
Gran
Refírese a unha semente, unha pequena partícula ou unha lesión da pel:
En países produtores de café, máis de 25 millóns de persoas dependen dos ingresos procedentes deste gran.
Certas infeccións maniféstanse en forma de grans e furúnculos.
Despois de lixar a zona cun papel de lixa de gran fino, hai que vernizar.
Por outra parte, gran tamén pode ser a forma reducida de grande. Esta forma reducida só se usa diante de nomes en singular que comezan por consoante. Se a seguinte palabra comeza por vogal, usaremos grande:
Unha gran persoa e unha grande amizade.
Unha gran viaxe e unha grande experiencia.