31/03/2017
Dous usos da coma ao escribir un correo
Sabes puntuar ben un correo electrónico? Hai un par de casos en que a coma resulta imprescindible:
Caso 1
Ao comezar un correo, na maioría dos casos saudamos cun vocativo:
- Ola, moza:
- Bos días, compañeiras:
- Ola, Antón:
O vocativo é unha palabra que serve para invocar de forma explícita a persoa á que nos diriximos (moza, compañeiras, Antón). Os vocativos esixen o uso de comas, por iso, cando empregamos un vocativo con grazas, felicidades, ola, adeus… ten que aparecer sempre a coma:
- Felicidades, amigo.
- María, grazas por toda a túa axuda.
En canto á puntuación por tras do saúdo, o uso dos dous puntos coexiste co da coma:
- Estimada colaboradora,
- Estimada colaboradora:
Aínda que a tendencia anglosaxoa de usar a coma gaña espazos na lingua, a súa aceptación non é igual entre as guías e manuais de estilo de referencia para a lingua. Iso si, despois do saúdo, o parágrafo seguinte comezará por maiúsculas independentemente do signo de puntuación co que remate o anterior.
Caso 2
En canto ás despedidas, o máis habitual é empregar a coma coas fórmulas breves:
- Saúdos,
- Un abrazo,
- Bicos,
- Atentamente,
En correos formais, colocámola se a despedida está redactada en terceira persoa:
- Saúdaa atentamente,
- Despídese atentamente,
- Envíalle un cordial saúdo,
É coma se a frase continuase coa sinatura, aínda que vaia noutra liña.
Se usamos fórmulas elaboradas con estrutura de oración e redactadas en primeira persoa poñemos un punto final:
Aproveito para enviarlle un cordial saúdo.