21/09/2016

Sete estratexias para redactar mellor

Escribir ben vai máis alá dunha ortografía correcta ou dun vocabulario amplo. Trátase de expresar mensaxes coherentes, seleccionar as palabras xustas, ordenalas de forma lóxica… Non é sinxelo mais tampouco se trata dunha destreza metafísica. Non é preciso ter un talento innato para escribir textos cotiáns. Conseguir a mestría necesaria para escribir un texto literario brillante é outro conto fóra do alcance deste artigo.

Aínda que non hai receitas máxicas que indiquen como escribir ben un informe ou un traballo académico, si existen estratexias que axudan a redactar mellor.

Sete claves

1. Busca a sinxeleza. Na medida do posible, convén eliminar todas as palabras que non achegan ningunha información. Quedemos co esencial.

Requiriu que se realizaran reducións no orzamento. > Requiriu reducións no orzamento.

A principal función da linguaxe académica é a transmisión de ideas a través dunha comunicación que sexa obxectiva, rigorosa e concisa. > A principal función da linguaxe académica é transmitir ideas de forma obxectiva, rigorosa e concisa.

Ás veces, a sinxeleza implica converter frases negativas en positivas e, especialmente, evitar as dobres negacións:

O informe non omitirá xustificar todos os gastos relacionados co asunto. > O informe xustificará todos os gastos relacionados co asunto.

A portavoz asegura que o goberno central non quere que o diálogo coa Administración local non sexa fluído. > A portavoz asegura que o goberno central quere que o diálogo coa Administración local sexa fluído.

2. Controla a inclinación a converter verbos en nomes, se padeces deste mal. É un trazo da linguaxe máis pesada abusar dos nomes no canto de verbos; isto débese á crenza (falsa) de que a nominalización fai os textos máis formais ou elegantes.

A xefa do Servizo de Obras procedeu á denegación da autorización para que a empresa realice o derrubo do edificio. > A xefa do Servizo de Obras denegou o derrubo do edificio.

Procederase á adxudicación. > Adxudicarase.

3. Limita os xerundios. Na linguaxe formal hai un exceso de xerundios en usos incorrectos que se está estendendo perigosamente. Aínda empregándoos correctamente, fan a prosa arcaica e pesada.

*A empresa tivo nese período sete millóns de perdas, quebrando ao ano seguinte. > ...e quebrou ao ano seguinte.

*Existen actualmente seis parques naturais en Galicia estando tres deles situados na provincia de Ourense. > Existen actualmente seis parques naturais en Galicia, tres deles situados na provincia de Ourense.

4. Puntúa ben. É o único xeito de entender moitos textos.

*Non non ten que ser enviado inmediatamenteNon, non, ten que ser enviado inmediatamente. / Non, non ten que ser enviado inmediatamente. 

5. Utiliza, cando poidas, a orde natural da frase: suxeito – verbo – complementos. É a máis fácil de comprender. Se o teu texto resulta moi confuso, lembra esta estratexia de simplificación.

Cinco vehículos para a policía local foron adquiridos a través dunha resolución que ditou o alcalde. > O alcalde ditou unha resolución co fin de adquirir cinco vehículos para a policía local.

6. Busca a concisión. As frases que duran varias liñas saturan e confunden. Un dos erros máis frecuentes aparece nas frases inacabables con incisos longuísimos e conectadas con outras frases inacabables.

Hai que tender sempre á brevidade. Podemos pensar nunha media de 20 palabras por frase; unha frase maior de tres liñas é excesiva. O mesmo ocorre cos parágrafos, se son excesivamente longos dan a impresión de que o texto é un ‘ladrillo’.

Canto máis longa sexa a frase, máis dificultades teremos para comprendela.

*Agradecendo a súa deferencia aproveito esta oportunidade para reiterarlle as miñas máis atentas e distinguidas consideracións.Agradezo a súa atención e envíolle un cordial saúdo.

7. Constrúe parágrafos coherentes. Cada parágrafo debe xirar ao redor dunha mesma idea. Podemos botar man dun truco: trátase de poñerlles título aos parágrafos ou resumir o tema que tratan en dúas ou tres palabras. Se somos capaces de facelo e na estrutura xeral de todo o texto non hai repeticións nin baleiros é que os parágrafos están ben construídos.