Asemade, aportar e adxunto: 3 palabras conflitivas que comezan por a-

Comezar por -a non é gran cousa. Á parte disto, estas palabras teñen outra cousa en común: a frecuencia en que se escoitan ou se ven empregadas de xeito incorrecto. Como son palabras que existen no galego, os correctores ortográficos non detectan os usos incorrectos en relación co significado, por iso cómpre prestarlles un pouco de atención…

Asemade

O seu significado é ‘simultaneamente, ao mesmo tempo’:

Falaba por teléfono e, asemade, falaba comigo. 

Tamén pode utilizarse co significado de ‘tan pronto como’:

Asemade chegamos, comezamos a facer as maletas. 

Curiosamente, en certos ámbitos estendeuse o seu emprego como equivalente de así mesmo, igualmente ou ademais; este emprego é incorrecto:

A entidade destacou a alza de prezos que se produciu. *Asemade, destacou o aumento da produtividade.

Aportar

Aportar é unha forma totalmente correcta en galego pero co significado de ‘chegar a porto’.

O catamarán aportou na hora prevista.

O Concello *aportou tres mil euros para a construción dun pavillón.

Non ocorre o mesmo co significado, máis frecuente, que lle damos acotío de ‘achegar, contribuír ou proporcionar’. O Dicionario da Real Academia Galega e o VOLGa inclúen aportar como palabra tolerada aínda que recomendan substituíla por achegar, cuxa acepción principal é a de ‘contribuír cunha cantidade para sufragar uns gastos’:

O Concello achegou tres mil euros para a construción dun pavillón.

Ollo! Tampouco existe aportación co significado de ‘parte coa que se contribúe, contribución’:

Nas xornadas, analizaranse as principais *aportacións científicas de Aller Ulloa. > Nas xornadas, analizaranse as principais achegas científicas de Aller Ulloa.

Adxunto/a

Esta palabra existe unicamente como adxectivo, como ocorre noutras linguas románicas:

Envieino como ficheiro adxunto.

Por tanto, son incorrectos outros usos en que non exerce esta función:

*Adxunto remito os documentos que acreditan…> Envío xunto con este correo… Inclúo xunto con esta solicitude…

Tampouco existe en galego un verbo *adxuntar; no seu lugar empregaremos incluír, acompañar, enviar, achegar.

*Adxúntame as dúas últimas nóminas. > Achégame as dúas últimas nóminas. / Envíame as dúas últimas nóminas…