05/04/2016
Elixir unha fonte de letra
Aínda que isto non ten moito que ver coa lingua, si ten consecuencias na lexibilidade de calquera texto que redactemos. Elixir un tipo de letra pode facilitar, en maior ou menor medida, a velocidade e a comprensión lectora de quen nos vai ler.
Unha das principais divisións en tipografía establécese entre as fontes sans serif ou de pau seco (Arial, Verdana) e as fontes con remate ou serif (Times, Courier). Os remates ou serif son os pequenos adornos que aparecen nos caracteres tipográficos desde os inicios da imprenta.
En textos impresos longos
As tipografías con remate adoitan ser máis lexibles en textos impresos longos porque os remates de cada letra guían a mirada por toda a liña do texto; é dicir, forman unha liña imaxinaria que lle sirve de guía ao ollo de quen le. A falta de remates obriga a forzar máis a vista e dificulta a velocidade e a comprensión lectora.
Algúns exemplos de fontes serif son Courier, Courier New, Century Schoolbook, Garamond, Georgia, MS Serif, Times, Times New Roman, Palatino.
Na imprenta tradicional, as tipografías con remate destínanse para cantidades grandes de información e as fontes sen ela úsanse para títulos, para darlle a textos curtos unha aparencia de maior modernidade ou máis impacto visual. De feito, a tipografía de pau seco asociouse desde o seu inicio, a finais do século XIX, á tipografía comercial.
E para ler en pantallas de ordenador?
En pantallas dixitais, son máis lexibles as fontes de pau seco. No caso de estar a escribir ou ler nunha pantalla, a pixelación provoca que estas se vexan moito máis limpas que as fontes con remate ou serif, polo que son moito máis recomendables.
Entre os tipos sans serif temos Arial, Arial Narrow, Century Gothic, Chicago, Helvetica, Tahoma, Trebuchet MS, Verdana…
Combinar ben varias fontes pode ser difícil; precisamos que manteñan certa harmonía entre si para que non produzan desorde visual. Por iso, é mellor non mesturar máis de dúas fontes; unha boa opción é optar por un tipo para o titular e outro tipo para a letra base.