Escribir ben vai máis alá dunha ortografía correcta ou dun vocabulario amplo. Trátase de expresar mensaxes coherentes, seleccionar as palabras xustas, ordenalas de forma lóxica… Non é sinxelo mais tampouco se trata dunha destreza metafísica. Non é preciso ter un talento innato para escribir textos cotiáns. Conseguir a mestría necesaria para escribir un texto literario brillante é outro conto fóra do alcance deste artigo.
Aínda que non hai receitas máxicas que indiquen como escribir ben un informe ou un traballo académico, si existen estratexias que axudan a redactar mellor.
Sete claves
1. Busca a sinxeleza. Na medida do posible, convén eliminar todas as palabras que non achegan ningunha información. Quedemos co esencial.
Requiriu que se realizaran reducións no orzamento. > Requiriu reducións no orzamento.
A principal función da linguaxe académica é a transmisión de ideas a través dunha comunicación que sexa obxectiva, rigorosa e concisa. > A principal función da linguaxe académica é transmitir ideas de forma obxectiva, rigorosa e concisa.
Ás veces, a sinxeleza implica converter frases negativas en positivas e, especialmente, evitar as dobres negacións:
O informe non omitirá xustificar todos os gastos relacionados co asunto. > O informe xustificará todos os gastos relacionados co asunto.
A portavoz asegura que o goberno central non quere que o diálogo coa Administración local non sexa fluído. > A portavoz asegura que o goberno central quere que o diálogo coa Administración local sexa fluído.
2. Controla a inclinación a converter verbos en nomes, se padeces deste mal. É un trazo da linguaxe máis pesada abusar dos nomes no canto de verbos; isto débese á crenza (falsa) de que a nominalización fai os textos máis formais ou elegantes.
A xefa do Servizo de Obras procedeu á denegación da autorización para que a empresa realice o derrubo do edificio. > A xefa do Servizo de Obras denegou o derrubo do edificio.
Procederase á adxudicación. > Adxudicarase.
3. Limita os xerundios. Na linguaxe formal hai un exceso de xerundios en usos incorrectos que se está estendendo perigosamente. Aínda empregándoos correctamente, fan a prosa arcaica e pesada.
*A empresa tivo nese período sete millóns de perdas, quebrando ao ano seguinte. > ...e quebrou ao ano seguinte.
*Existen actualmente seis parques naturais en Galicia estando tres deles situados na provincia de Ourense. > Existen actualmente seis parques naturais en Galicia, tres deles situados na provincia de Ourense.
4. Puntúa ben. É o único xeito de entender moitos textos.
*Non non ten que ser enviado inmediatamente > Non, non, ten que ser enviado inmediatamente. / Non, non ten que ser enviado inmediatamente.
5. Utiliza, cando poidas, a orde natural da frase: suxeito – verbo – complementos. É a máis fácil de comprender. Se o teu texto resulta moi confuso, lembra esta estratexia de simplificación.
Cinco vehículos para a policía local foron adquiridos a través dunha resolución que ditou o alcalde. > O alcalde ditou unha resolución co fin de adquirir cinco vehículos para a policía local.
6. Busca a concisión. As frases que duran varias liñas saturan e confunden. Un dos erros máis frecuentes aparece nas frases inacabables con incisos longuísimos e conectadas con outras frases inacabables.
Hai que tender sempre á brevidade. Podemos pensar nunha media de 20 palabras por frase; unha frase maior de tres liñas é excesiva. O mesmo ocorre cos parágrafos, se son excesivamente longos dan a impresión de que o texto é un ‘ladrillo’.
Canto máis longa sexa a frase, máis dificultades teremos para comprendela.
*Agradecendo a súa deferencia aproveito esta oportunidade para reiterarlle as miñas máis atentas e distinguidas consideracións. > Agradezo a súa atención e envíolle un cordial saúdo.
7. Constrúe parágrafos coherentes. Cada parágrafo debe xirar ao redor dunha mesma idea. Podemos botar man dun truco: trátase de poñerlles título aos parágrafos ou resumir o tema que tratan en dúas ou tres palabras. Se somos capaces de facelo e na estrutura xeral de todo o texto non hai repeticións nin baleiros é que os parágrafos están ben construídos.