20/08/2018

“Vina con un.” ou “Vina cun.”?

Pois, neste caso, a opción correcta sería “Vina con un.”

Por que?

Xa é sabido que un(s), unha(s) contraen con de, en e con. No entanto, cando se usan como pronomes ocorre algo diferente. Imos velo.

Se un(s), unha(s) van cun nome, como artigo indeterminado ou indefinido, contraen con total normalidade:

Vés dunha voda?

Os encargos están nun caderno branco.

Escribo cun lapis moi vello, de cando era pequena.

Mais un(s), unha(s) tamén poden funcionar como pronome, sen ningún nome ao lado. No caso de xuntárense coas preposicións de ou en, volvemos facer a contracción, sen problema ningún:

Neses momentos, hai que dar o mellor dun.

Aínda non é arquitecta mais está en camiño de converterse nunha.

E que ocorre neste caso con con? Pois que non contrae:

Non sei que regalarlle, gústanlle os sombreiros? Eu vina con un.

Non volvo levar catiúscas, onte fun con unhas e mancáronme moito.

É dicir, un(s), unhas(s) non contrae coa preposición con se funciona como pronome. Podedes ler a explicación completa nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego que se poden descargar desde a páxina da Real Academia Galega.

Foto de Alex Harvey 🤙🏻 en Unsplash