Vamos e imos, dúas formas correctas para usos distintos

Vamos e imos son dúas formas correctas pero que se usan en contextos distintos.

Imos

Imos é o presente de indicativo de ir; é a forma claramente máis usada:

Todos os venres imos á piscina.

Non imos traballar máis por hoxe.

Imos ao cine?

Vamos

Vamos é un imperativo de ir; úsase en sentenzas curtas e é bastante menos frecuente:

Vamos! Chegamos tarde!

Vamos comer xa!

O imperativo emprégase para dar ordes ou pedir algo. O seu uso na primeira persoa de plural é bastante máis restrinxido que o dun presente de indicativo. Así que existe unha maior probabilidade de atopármonos cun imos que cun vamos. Pensade noutro tipo de verbos como ler ou camiñar, con canta frecuencia usamos “Leamos!” ou “Camiñemos!“? Moi pouco…

Por outra parte, a forma vamos úsase a miúdo como unha interxección, para enfatizar ou para dar ánimo ou estímulo:

Vamos, non me digas que tes sono?

Vamos, anímate.

Aquí, como vedes, o significado de movemento que ten o verbo ir está practicamente diluído, algo semellante ao que ocorre con veña:

Veña, non te enfades.

Foto de Randall Honold en Unsplash