29/05/2018
Status ou estatus?
Os latinismos son palabras do latín que usamos a miúdo mais non sufriron case ningunha adaptación á nosa lingua. En xeral, non presentan problemas pero algúns xeran certas dúbidas. Un deles é status.
Status
O erro máis frecuente consiste en adaptar a palabra engadindo un e- inicial. A forma normativa é status, o latinismo sen ningún tipo de adaptación. O seu plural é invariable (os status).
Cando as diferenzas levan a un status de poder ou privilexio dalgúns grupos en detrimento doutros prodúcese a estratificación social.
E statu quo?
Esta locución latina é tamén bastante escorregadiza, non só pola tendencia a engadir o e- inicial senón tamén pola frecuencia en que se ve un -s final. Nin unha cousa nin a outra, statu quo mantén a súa forma etimolóxica. Tamén é invariable en plural (os statu quo).
A innovación é desafiar o statu quo e achegar novas lóxicas de acción para resolver antigos problemas.
Foto de Nikita Andreev en Unsplash