12/05/2018

Seis especias e herbas: da alfábega ao romeu

É difícil imaxinar a cociña galega sen pirixel, ourego, tomiño… Aquí, como noutros ámbitos, introducíronse bastantes castelanismos, pero tamén se están incorporando especias e herbas que non tiñan presenza na tradición galega, como a cúrcuma. Imos revisar seis, posiblemente as que máis dúbidas xeran.

  • Alfábega ou albaca: cast. albahaca. Quizais é o caso máis complexo pois aínda non existe un consenso claro sobre cal é a forma galega. Os léxicos especializados e os corpus propoñen estas dúas formas e outra máis, alfabaca. No entanto, alfábega parece ser a que ten máis frecuencia de uso. Refírense todas ao Ocimum basilicum.  Ás veces aparece identificada como subiote mais este nome asígnase, segundo as fontes, a especies diferentes (Silene latifolia ou Silene alba).
  • Coandro ou coriandro: cast. cilantro. Algunha vez detectaches un estraño sabor a xabón nunha comida asiática ou mesmo portuguesa? Pode ser polo coandro, seica hai unha compoñente xenética que inflúe en que nos resulte ou ben un sabor agradable ou ben algo semellante a lamber deterxente.
  • Chile: cast. guindilla. É unha variedade de pemento picante. A nosa palabra vén do náhuatl chīlli, lingua falada en México, de onde chegou o froito a finais do século XV.
  • Pemento moído ou pemento: cast. pimentón. É un dos casos en que o castelanismo está máis introducido. A forma *pimentón e *pementón son incorrectas.
  • Perexil ou pirixel: cast. perejil. Se dubidas á hora de escribilo, hai unha boa noticia, ambas as dúas opcións son correctas.
  • Romeu: cast. romero. A dificultade desta palabra radica na súa terminación, que en galego é bastante restrinxida. Só terminan en – eu estas palabras: eu, meu, teu, seu, chapeu, romeu, sandeu, leu, xubileu e xudeu.

E o curry, que?

O curry non é unha especia, é unha mestura que pode levar chile, alfábega, azafrán, canela, cardamomo, coandro, comiño, cúrcuma, xenxibre, noz moscada e pementa, entre outras. Agora mesmo, xa está totalmente estendido na cociña occidental e estase convertendo nunha palabra habitual. O galego non ten unha palabra propia para designar esta mestura, por iso usamos o estranxeirismo curry. A palabra vén do inglés e este, que tampouco tiña ningunha palabra, importouno do támil kari, hai xa ben anos.

Foto de Caroline Attwood en Unsplash