23/02/2016

Como se usan as comiñas?

A miúdo, temos a necesidade de destacar unha palabra ou unha expresión dentro dun texto. Para esta función, usamos comiñas ou aspas.  Existen varios tipos:

  • Comiñas ou aspas dobres inglesas (“ ”)
  • Comiñas ou aspas dobres latinas (« »)
  • Comiñas ou aspas simples (‘ ‘)

Cal eliximos entón? Aínda que as inglesas e as latinas pódense empregar indistintamente, as primeiras son máis habituais. Imos ver os principais usos que teñen estas e as comiñas simples:

As comiñas ou aspas dobres

Como a finalidade deste artigo é ofrecer solucións breves, imos resumir os usos máis frecuentes en catro puntos:

1. Empréganse para introducir unha cita textual, é dicir, un texto alleo.

O New York Times chamoulle a Sacks o “poeta laureado da medicina contemporánea”, e “un dos grandes escritores clínicos do século XX”.

2. Tamén as usamos para destacar unha palabra ou expresión porque lle queremos dar un matiz irónico ou son impropias do rexistro que empregamos.

Levoulle “só” catorce anos rematar o seu  terceiro  libro.

3. Usámolas para sinalar títulos: capítulos, apartados, artigos, conferencias… No caso de referírmonos a títulos de libros ou a calquera outra obra artística e cultural, empregaremos a cursiva.

Do libro Un antropólogo en Marte gustoume o capítulo titulado “A vida dun cirurxián”.

As comiñas ou aspas simples (‘ ’)

Teñen, fundamentalmente, dous usos:

1. Empréganse para destacar unha palabra ou varias que aclaran e explican o significado dun termo. É habitual velas en obras de carácter lingüístico.

O termo afasia ‘imposibilidade de falar’ é o trastorno da linguaxe que se produce como consecuencia dunha lesión ou dano cerebral.

2. Tamén debemos empregalas cando o que queremos destacar aparece dentro dun fragmento que xa ten aspas:

No artigo afírmase que “A Sacks gustáballe definirse como un ‘vello xudeu ateo’  e así o fixo en varias ocasións.”

Ollo! Non se debe repetir o punto antes e despois das comiñas: colócase dentro ou fóra segundo corresponda. No caso de que o poida levar nos dous sitios, só se emprega o primeiro deles.