24/02/2016

Por que é útil recoñecer un ditongo decrecente?

Basicamente, as regras xerais de acentuación esixen recoñecer un ditongo decrecente. Daquela, se temos interese en acentuar ben, vainos ser imprescindible saber como é. Para recoñecelos, só hai que lembrar unha pequena clasificación das vogais:

a, e, o: abertas ou fortes

i, u: pechadas ou febles

Calquera combinación en que a primeira das vogais sexa aberta e a segunda sexa pechada será un ditongo decrecente. É dicir, a abertura diminúe ou decrece: amei, quizais, ademais, xogou

E que ocorre cando se xuntan dúas vogais febles? As secuencias iu e ui normalmente constitúen un ditongo decrecente sempre e cando a forza da intensidade vaia na primeira vogal: sentiu.

Hai un número enorme de ditongos decrecentes en galego e, máis ou menos de xeito consciente, sabemos que é unha característica da nosa lingua. Por iso, cando queremos “galeguizar” máis unha palabra, inserimos un ditongo decrecente (*primaveira). A frecuencia deste tipo de ditongos determina que se teñan en conta nas regras xerais da acentuación.