23/02/2016
Escribes ben as abreviaturas? 6 claves
As abreviaturas son un caso específico de abreviación. Son relativamente libres, isto é, cada persoa pode crear as abreviaturas que necesita sempre que cumpra varias convencións:
a. Rematan cun punto: cap. (capítulo). O problema xorde cando as confundimos cos símbolos, abreviacións universais usadas no ámbito científico e técnico. Os símbolos non levan punto nin teñen plural: m (metro), kg (quilogramo), h (hora). Ao seren universais, non se poden modificar libremente, están fixadas por convencións internacionais.
b. Manteñen o acento gráfico: páx. (páxina), núm. (número)
c. Conservan a grafía de maiúsculas e minúsculas que tiña cada palabra plena: a. d. C. (antes de Cristo). Exceptúanse as abreviaturas dos tratamentos de persoa xerais ou protocolarios, incluíndo a do pronome de respecto (vostede). Nestes casos, a abreviatura esixe maiúscula: Vde., D.
d. O espazo entre palabras dunha construción debe manterse na forma abreviada:
Incorrecto: *p.ex. (por exemplo), *v.o. (versión orixinal).
Correcto: p. ex., v. o.
e. Admiten a forma de plural, engadindo -s ou -es: segs. (seguintes).
f. Á hora de facer unha abreviatura, terá que ter rendemento: non paga a pena facer abreviaturas para suprimir só unha letra: *prta. (porta).