06/05/2016

Catro erros ao usar as maiúsculas

A tendencia actual é a de alixeirar os textos de maiúsculas; o seu emprego para outorgarlle énfase a unha palabra é habitual pero hai outros recursos máis acaídos. A letra grosa cumpre mellor este obxectivo e non satura tanto o texto.

Por outra parte, hai palabras que ‘incitan’ a escribilas con maiúscula: a *Arte, a *Ciencia, a *Natureza… Ningunha destas maiúsculas está xustificada pois son nomes comúns aínda que designen conceptos de certa relevancia (a arte, a ciencia e a natureza). O emprego das maiúsculas, en xeral, responde a criterios lóxicos aínda que existen casos en que non é doado aplicar estes criterios.

As maiúsculas cumpren coa función de distinguir os nomes comúns dos nomes propios. Agora ben, esta separación non sempre está clara, un nome común pode funcionar como propio e perder o seu carácter xenérico; outras veces, un nome común interprétase como propio. Deseguido van catro dos erros máis frecuentes (e fáciles de solucionar):

1. Os cargos

Os cargos oficiais, profesións e títulos escríbense con minúsculas: directora xeral, notaria, maxistrado, xuíza, arcebispo, conselleira, presidente…

2. Os cronónimos

Os días da semana, os meses e as estacións do ano van sempre en minúsculas: venres, outubro, primavera…

Puntualmente, poden aparecer formando parte dun nome propio e, por tanto, ir en maiúscula: Primeiro de Maio, o Maio do 68, o Domingo de Ramos…

3. Os títulos de obras

Os títulos de libros, artigos, relatorios, discursos e conferencias só levan maiúscula na primeira palabra. Tamén as obras pictóricas, musicais, cinematográficas etc.:

Longa noite de pedra, Herba moura, Guía das árbores autóctonas de Galicia, Textos sobre arte galega e deseño, Habitación do vello mariño, Un home sen pasado…

Porén, non entran nesta categoría as publicacións periódicas: Diario Oficial de Galicia, Revista Galega do Ensino, A Voz de Vilalba, Nós…

4. Os documentos oficiais e as leis

Os títulos dos documentos oficiais, das leis, decretos, ordes, resolucións, regulamentos etc. escríbense con maiúscula só na primeira palabra: Código civil, Estatutos da Universidade de Vigo, Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, Lei de normalización lingüística, Constitución española…

Só escribiremos todas as palabras con maiúscula inicial no caso de documentos históricos ou de gran relevancia: Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Un caso máis complexo ten que ver cos nomes de entidades e institucións. Deixarémolo para outra ocasión…