19/05/2016

Aboar e abonar non son o mesmo

Estas palabras teñen un significado ben delimitado que, ás veces, esváese un pouco… O mesmo lles ocorre ás palabras da mesma familia. Asociar cada palabra co seu sinónimo pode valernos para lembrar o emprego correcto e non cometer erros:

Aboar e aboamento

  • O verbo aboar só ten a acepción de ‘pagar ou satisfacer unha cantidade de diñeiro’. É sinónimo de pagar:

Canto tes que aboar / pagar cada mes polos gastos de comunidade?

  • Aboamento refírese á ‘acción ou efecto de aboar, pagar’. Se temos dúbidas, podemos substituír aboamento por pagamento, son sinónimos:

O aboamento / pagamento hai que facelo no momento da compra.

Abonar, abono e abonamento

  • Abonar ten a acepción de ‘subscribir(se) a un servizo periódico’; por tanto, podemos substituír esta palabra por subscribir(se):

Aboneime  / subscribinme a unha revista de viaxes.

  • Abono alude á ‘acción ou efecto de subscribirse’; é sinónimo de subscrición e de abonamento (nesta acepción):

Non renovei o abono / abonamento do pavillón de deportes. / Non renovei a subscrición do pavillón de deportes.

Tamén se lle chama abono á entrada ou billete que permite o uso dalgún servizo:

Tes o abono contigo?

Fertilizar e fertilizante

  • Por outra parte, para chamarlle ao ‘produto químico que se lle bota á terra para que as plantas cultivadas se desenvolvan mellor’, usamos a palabra fertilizante.

Coa compostaxe obtemos fertilizantes naturais.

  • O verbo que significa ‘facer máis fértil por medio de fertilizantes’ é fertilizar:

Antes de plantar espárragos, hai que fertilizar ben o solo.