Usas ben o xerundio?

Aínda que non pareza, o xerundio provoca unha chea de erros na redacción cotiá. Nos últimos anos, calquera escrito que pretenda parecer formal está inzado de xerundios, a miúdo, mal empregados.

O xerundio é a forma que ten o verbo para funcionar como adverbio, polo que sempre depende doutro verbo principal. Expresa unha acción en proceso anterior ou simultánea á do verbo principal: ía conducindo, viuna entrando na tenda… Aínda que ten a súa complexidade, é máis sinxelo se expoñemos os dous erros principais que se cometen:

Erro 1. O xerundio nunca expresa posterioridade:

*Dáse por finalizada a sesión levantando a continuación a acta correspondente. > Dáse por finalizada a sesión e redáctase a continuación a acta correspondente.

*Realicei varios cursos formativos sendo contratada ao finalizalos. >  Realicei varios cursos formativos e fun contratada ao finalizalos.

*A empresa tivo ese ano unha considerable perda, quebrando ao ano seguinte. > …e quebrou ao ano seguinte.

*Rompeu o vaso, vertendo toda a auga. > …e verteu toda a auga.

Erro 2. O xerundio tampouco nos serve para modificar substantivos. Isto é, ás veces vemos xerundios que ocupan o lugar onde tería que ir un adxectivo ou unha oración subordinada (que + verbo en forma personal):

*Búscase unha persoa sabendo cociñar. > Búscase unha persoa que saiba cociñar.

*Publícase o decreto nomeando o tribunal. > Publícase o decreto que nomea o tribunal.

*Recibín o correo contendo toda a documentación. Recibín o correo con toda a documentación.

Este uso vén provocado por influxo da linguaxe administrativa castelá aínda que tamén nesta lingua se considera un uso incorrecto.