Dúbidas cos puntos suspensivos?

Aínda que parece un recurso simple, os puntos suspensivos atraen certos erros, especialmente, cando van con outros signos de puntuación. Podemos resumir en catro as principais pautas para escribilos correctamente:

1. Colócanse inmediatamente pegados á palabra e non se insire nin espazo nin outro signo de puntuación. O espazo vai entre os puntos suspensivos e a seguinte secuencia:

Incorrecto: *O ciclo ofrecerá concertos en igrexas, museos, mosteiros, pazos,…

Incorrecto: *Concretaremos os recursos precisos: económicos, organizativos, políticos … e definiremos os axentes responsables.

Correcto: Concretaremos os recursos precisos: económicos, organizativos, políticos… e definiremos os axentes responsables.

2. Os puntos suspensivos son só tres e non un número indefinido! Isto implica que tampouco poremos un punto final ou punto e á parte tras os puntos suspensivos:

Incorrecto: *Enviamos cartas, correos, fax…. Total, para nada.

3. A non ser o punto, poden ir seguidos de calquera outro signo de puntuación:

Correcto: Enviamos cartas, correos, fax…, total, para nada. / Enviamos cartas, correos, fax… Total, para nada.

4. Cos puntos suspensivos tras enumeracións, damos a entender que poderiamos seguir engadindo elementos. Para este fin, tamén nos serve etcétera  ou etc. pero debemos elixir; se usamos os puntos suspensivos non podemos poñer etcétera ou etc. Ou un ou o outro!

Incorrecto: *Esta ruta ofrece moitos atractivos: os petroglifos de Fragoselo, os dolmens do Mercantil, etc…

Incorrecto: *Aquí utilizamos máquinas metalúrxicas, transportadoras… etc.