Que é un hiato?

Un hiato pode ser un pesadelo á hora de acentuar graficamente se non entendemos ben en que consiste pero, en realidade, é ben sinxelo. Un hiato consiste na secuencia de dúas vogais que van en sílabas distintas. Non forman ditongo.

Como o recoñecemos?

Para entender como funciona, é imprescindible distinguir as vogais abertas ou fortes das pechadas ou febles.

Vogais abertas ou fortes: A, E, O
Vogais pechadas ou febles: I, U

Na combinación destas vogais poden ocorrer tres cousas:

1. Cando aparece unha secuencia de dúas vogais fortes (aa, eo, oe, ao…), hai un hiato. Van en sílabas diferentes e réxense polas regras xerais. É sinxelo se lembramos que as vogais fortes teñen a suficiente forza para iren cada unha polo seu lado. Non precisan apoiarse en ningunha outra:

Caoba ten tres sílabas (ca/o/ba) e non se acentúa porque é grave rematada en vogal.

Mámoa ten tres sílabas (má/mo/a) e acentúase porque é esdrúxula.

2. E que ocorre se se xuntan unha feble e unha forteNeste caso, vai depender de como pronunciemos a palabra. Para ser hiato, requírese que a intensidade (a forza) vaia na feble (i, u). Isto é algo que non agardamos, excepcional, polo tanto, debe marcarse cun acento gráfico. De non facelo, teriamos que entender o predicible, é dicir, que a forza vai na vogal forte. Este caso non se rexe polas regras xerais; se a intensidade vai nunha vogal feble, a carón dunha forte, acentúase sempre e van en sílabas diferentes.

Mitoloxía: ten cinco sílabas (mi/to/lo/xí/a).

Oír: ten dúas sílabas (o/ír).

Rúa: ten dúas sílabas (rú/a).

3. Por último, tamén existe un hiato no caso do encontro de dúas vogais febles, coa forza na segunda feble. Este caso tampouco se rexe polas regras xerais. Acentúanse sempre (ruído, muíño, construír).