03/03/2016

Os erros ao usar “mesmo”

*Estou indo a un curso e non podo acudir á reunión pola asistencia ao mesmo. 

Ves algo estraño nesta oración? Nos últimos tempos, aparece con moita frecuencia un uso incorrecto de mesmo. Aínda que é máis habitual na linguaxe administrativa, está estendéndose a textos de calquera tipo. En galego, este identificador ten os seguintes significados:

  • Igualdade. Comprei o mesmo coche.
  • Reforzo de identidade. Falo por min mesma.
  • Incluso. Mesmo eu o sabía.

Non se debe empregar como un pronome que indique pertenza ou posesión. Nestes casos podemos usar demostrativos (este/a, ese/a…), posesivos (o seu, a súa…) ou calquera outro recurso que substitúa a mesmo/a. Enténdese mellor cun par de exemplos:

Cando se aproben os pregos de condicións, quedarán os *mesmos expostos ao público. > Cando se aproben os pregos de condicións, quedarán estes expostos ao público. / Cando se aproben os pregos de condicións, quedarán expostos ao público.

Farase unha avaliación do estado do proxecto e da execución do *mesmo. > Faremos unha avaliación do estado do proxecto e da execución deste. / Faremos unha avaliación do estado do proxecto e da súa execución…