Os erros máis frecuentes ao puntuar

A función máis frecuente do punto é indicar graficamente o remate dunha oración ou dun parágrafo; non obstante, tamén posúe outros usos, como o punto das abreviaturas. Para facilitar a revisión dos erros máis frecuentes, dividirémolos en seis apartados:

1) Con outros signos de puntuación

a. O punto non se debe colocar despois do signo de interrogación nin do signo de exclamación.

*Que é?. > Que é?

b. Tampouco se pode grafar despois de dous puntos, tras puntos suspensivos nin tras o punto de abreviatura.

*Entre as accións proxectadas está a creación dun inventario do patrimonio, a elaboración dun plan de recuperación de infraestruturas etc.. > (…) elaboración dun plan de recuperación de infraestruturas etc.

c. Nas transcricións ou citas de textos, o punto escríbese despois das comiñas se non forma parte do fragmento transcrito. Agora ben, cando teoricamente lle corresponden os dous puntos —o do interior das comiñas e o de final de parágrafo—, só se emprega o primeiro deles.

Di que “a intervención sindical non foi suficiente”.

*Antes de sentar afirmou: “Non aceptaremos novas demoras na aplicación.”. > Antes de sentar afirmou: “Non aceptaremos novas demoras na aplicación.”

2) Con abreviaturas

a. As abreviaturas son un tipo específico de abreviacións que se caracterizan por levaren punto (Vde., tel., admón, D.). Outras abreviacións, como os símbolos ou as siglas, non levan puntos.

Elena Lashmanova bateu o récord mundial de 20 km marcha.

b. Cando a abreviatura leva letra voada, o punto colócase entre a abreviatura e a letra voada (M.ª Luísa Táboa).

3) Nas cifras

a. Os anos deben escribirse sen punto e sen espazo.

*1.984 é o título dunha novela escrita por Orwell entre 1.947 e 1.948. > 1984 é o título dunha novela escrita por Orwell entre 1947 e 1948.

b. Non se utiliza punto ao final das datacións que aparecen en forma completa. Para afondar na escrita das cifras podedes visitar dous artigos sobre a escrita de cifras e sobre as horas.

*Ribadeo, 22 de abril de 2015. 

Ribadeo, 22 de abril de 2015

4) Nos títulos

Non escribimos punto nos títulos nin nos subtítulos de obras. Neste caso estamos a referirnos ao punto e á parte. Se o título ou subtítulo contén un punto interior, loxicamente, teremos que mantelo.

DE PONDAL AO BATALLÓN LITERARIO. 120 ANOS DE POESÍA DA COSTA DA MORTE

5) As enumeracións

As listas de nomes ou conceptos breves que forman parte dunha enumeración non levan punto:

*Ingredientes:

Ovo.
Manteiga.
Azucre.

Ingredientes:

ovo
manteiga
azucre

 

6) Erros gramaticais

Este punto ten unha complexidade que supera os límites un pequeno apartado, no entanto, existen dous erros básicos que cómpre evitar.

a. É incorrecto romper dúas frases dunha mesma cláusula:

*O estudo avalía un número reducido de ideas. Xa que o equipo científico seleccionou tres como as máis factibles. > O estudo avalía un número reducido de ideas xa que o equipo científico seleccionou tres como as máis factibles.

b. Tampouco debemos colocar un punto antes dun relativo:

*Cinco persoas formarán parte desta iniciativa. Que podería estenderse a outras institucións. > Cinco persoas formarán parte desta iniciativa que podería estenderse a outras institucións.