O erro máis inadvertido

Se houbese unha competición de erros invisibles, o que ocorre cos complementos directos tería bastantes puntos para gañar. E que lle ocorre a tal complemento? Pois que non leva preposición a:

Atendemos a cidadanía./ Coñecín unha persoa./ Busco alguén./ A presidenta informou o persoal

A preposición só aparece co complemento directo se este é un pronome persoal (chámao a el)  ou un nome propio (vin a María e coñecín a Lola, a súa irmá).

Imos velo mellor a través de exemplos. Le primeiro as oracións vermellas e intenta descubrir o erro; comproba se o atopaches na opción verde:

Incorrecta Correcta
*O público apoiou ás xogadoras.  O público apoiou as xogadoras.
*A acción humana e o cambio climático fixeron desaparecer aos mamuts. A acción humana e o cambio climático fixeron desaparecer os mamuts.
*Dirixiu a orquestras como a Royal Philharmonic. Dirixiu orquestras como a Royal Philharmonic.
*Encamiñan ao seu alumnado cara á lectura. Encamiñan o seu alumnado cara á lectura.
*Unha enorme responsabilidade á hora de sensibilizar á poboación. Unha enorme responsabilidade á hora de sensibilizar a poboación.
*Non hai maneira de atopar a alguén cun nivel aceptable de danés. Non hai maneira de atopar alguén cun nivel aceptable de danés.
*Un impresionante teatro que envolve aos espectadores. Un impresionante teatro que envolve os espectadores.
*Este congreso reuniu a representantes de todos os sectores. Este congreso reuniu representantes de todos os sectores.
*Atender ás obrigas laborais. Atender as obrigas laborais.
*Elixiron ao máis idóneo. Elixiron o máis idóneo.
*A presidenta informou aos conselleiros. A presidenta informou os conselleiros.
*Tes que responder a unha pregunta. Tes que responder unha pregunta.

Non fuches quen de facelo? Entón, talvez o problema estea na localización do complemento directo.