Grans, graos e grados

Entre as seguintes frases, só unha delas é correcta. Cal pode ser?

  1. O grado de cooperación entre organizacións sociais varía.
  2. Aínda que non o fixeron de bo grao, aceptaron a proposta.
  3. En países produtores de café, máis de 25 millóns de persoas dependen dos ingresos procedentes deste gran.

Ben, se identificaches a terceira opción como a correcta, probablemente non precises seguir lendo. Efectivamente, é a correcta.

Grao emprégase para designar unha unidade de medida, o título dalgúns estudos ou o lugar que se ocupa nunha escala:

*grado de cooperación entre organizacións sociais varía. > O grao de cooperación entre organizacións sociais varía.

As queimaduras de primeiro grao afectan só a capa externa da pel.

A universidade ampliará a súa oferta de estudos de grao para o próximo curso.

Neste mes é frecuente que haxa algúns graos baixo cero.

Grado existe pero só para o significado de ‘pracer ou desgusto co que se fai algo’ (de bo grado ou de mal grado).

Aínda que non o fixeron de bo *grao, aceptaron a proposta. > Aínda que non o fixeron de bo grado, aceptaron a proposta.

Gran é unha semente, unha pequena partícula ou unha lesión da pel:

En países produtores de café, máis de 25 millóns de persoas dependen dos ingresos procedentes deste gran

Certas infeccións maniféstanse en forma de grans e furúnculos.

Despois de lixar a zona cun papel de lixa de gran fino, hai que vernizar.

Por outra parte, gran tamén pode ser a forma reducida de grande. Esta forma reducida só se usa diante de nomes en singular que comezan por consoante. Se a seguinte palabra comeza por vogal, usaremos grande:

Unha gran persoa e unha grande amizade.

Unha gran viaxe e unha grande experiencia.