Para que serve recoñecer un ditongo decrecente?

As regras xerais de acentuación implican o recoñecemento destes ditongos. Daquela, se temos interese en acentuar ben, vainos ser imprescindible saber como é un ditongo decrecente. Para recoñecelos, só hai que lembrar unha pequena clasificación das vogais:

a, e, o: abertas ou fortes

i, u: pechadas ou febles

Calquera combinación en que a primeira das vogais sexa aberta e a segunda sexa pechada será un ditongo decrecente. É dicir, a abertura diminúe ou decrece: amei, quizais, ademais, xogou

E que ocorre cando se xuntan dúas vogais febles? As secuencias iu e ui normalmente constitúen un ditongo decrecente sempre e cando a forza da intensidade vaia na primeira vogal: sentiu.

Hai un número enorme de ditongos decrecentes en galego e, máis ou menos de xeito consciente, sabemos que é unha característica da nosa lingua. Por iso, cando queremos “galeguizar” máis unha palabra, inserimos un ditongo decrecente (*primaveira). A frecuencia deste tipo de ditongos determina que se teñan en conta nas regras xerais da acentuación.