Dous usos da coma

Sabes puntuar ben un correo electrónico? Hai un par de casos en que a coma resulta imprescindible, o mesmo que nunha carta formal ou informal pero…, quen se lembra da carta a estas alturas?

Caso 1

Ao comezar un correo, na maioría dos casos saudamos cun vocativo:

  • Ola, moza:
  • Bos días, compañeiras:
  • Ola, Antón:

O vocativo é unha palabra que serve para invocar de forma explícita a persoa á que nos diriximos (moza, compañeiras, Antón). Os vocativos esixen o uso de comas, por iso, cando empregamos un vocativo con grazas, felicidades, ola, adeus… ten que aparecer sempre a coma:

  • Felicidades, amigo.
  • María, grazas por toda a túa axuda.

En canto á puntuación por tras do saúdo, o uso dos dous puntos coexiste co da coma:

  • Estimada colaboradora,
  • Estimada colaboradora:

Aínda que a tendencia anglosaxoa de usar a coma gaña espazos na lingua, a súa aceptación non é igual entre as guías e manuais de estilo de referencia para a lingua. Iso si, despois do saúdo, o parágrafo seguinte comezará por maiúsculas independentemente do signo de puntuación co que remate o anterior.

Caso 2

En canto ás despedidas, o máis habitual é empregar a coma coas fórmulas breves. Isto é o máis habitual:

  • Saúdos,
  • Un abrazo,
  • Bicos,
  • Atentamente,

En correos formais, colocamos a coma se a despedida está redactada en terceira persoa:

  • Saúdaa atentamente,
  • Despídese atentamente,
  • Envíalle un cordial saúdo,

É coma se a frase continuase coa sinatura, aínda que vaia noutra liña.

Se usamos fórmulas elaboradas con estrutura de oración e redactadas en primeira persoa poñemos un punto final:

Aproveito para enviarlle un cordial saúdo.