Entender a acentuación

O primeiro paso para saber acentuar é distinguir cando unha palabra é aguda, cando é grave e cando é esdrúxula. Este paso é sinxelo.

En todas as palabras sempre hai unha sílaba que leva máis intensidade que as outras. No caso das palabras agudas, esta sílaba é a última; no caso das graves, é a penúltima; no caso das esdrúxulas, é a antepenúltima.

Unha vez que localizamos a sílaba con maior intensidade e clasificamos a nosa palabra (aguda, grave, esdrúxula), observamos a súa terminación. Segundo isto, acentuarémola ou non.

Por que facemos isto?

A acentuación permite saber como se pronuncia unha palabra. É unha convención que debe facilitar isto co menor número posible de acentos gráficos. De non ser así, sinxelamente acentuariamos todas as palabras!

Imos poñer un exemplo, as palabras máis frecuentes no galego son graves e rematadas en vogal, tamén incluímos neste grupo os -s finais porque supoñen o plural desas palabras. Ademais, temos un gran número de palabras graves que rematan en -n, pola nosa conxugación verbal. Daquela, estes casos non van levar acento gráfico (casa, coches, fixen…). Pola contra, o galego ten moitísimas palabras agudas con ditongo decrecente, sobre todo, verbos (amei, deixou, andarei…) así que estas son boas candidatas para non seren acentuadas graficamente. Vexamos cada grupo por separado.

As palabras agudas

As palabras agudas acentúanse graficamente cando teñen varias sílabas e rematan en vogal, en vogal + n, en vogal + s ou en vogal + ns. Non se acentúan cando son monosílabas nin cando rematan en ditongo decrecente (seguido ou non de –n ou -s) ou noutra consoante que non sexa –n ou -s: ademais, quizais, compás, irmáns…

As palabras graves

As palabras graves acentúanse graficamente cando rematan en consoante distinta de -n ou -s e en grupos consonánticos distintos de -ns. Tamén se acentúan as palabras graves con ditongo decrecente (vogal forte + vogal feble ou dúas vogais febles) na última sílaba: bíceps, túnel…

As palabras esdrúxulas

As palabras esdrúxulas levan sempre acento: íntimo, páxina… Tamén se acentúan sempre as sobreesdrúxulas, aquelas que levan a intensidade nunha sílaba anterior á antepenúltima (devolvíchesllelas).

Aínda que estas son as regras xerais, existen certos elementos especiais que cómpre ter en conta como os hiatos, os diacríticos ou os estranxeirismos.