Castelanismos en nómina

No ámbito das relacións laborais, hai certos castelanismos que custa moito suprimir. Hai cinco especialmente recorrentes. Coñécelos?

*Devengar: O Dicionario da Real Academia Galega propón devindicar co significado de ‘xerar dereito a unha retribución’ e de ‘rexistrar os ingresos no momento en que nacen como dereitos ou obrigacións.’ En realidade é unha palabra de significado complexo que pode ter moitas acepcións. Así que, segundo o contexto, podemos substituíla por devindicar, percibir, adquirir o dereito a percibir (unha cantidade); retribuír (unha cantidade); recoñecer (un dereito, unha obriga); producir, acumular (xuros).

Dieta: este substantivo só ten en galego significados relacionados con ‘réxime alimentario’. Na acepción de ‘estipendio que se lle dá a un traballador ou traballadora pola realización dun servizo fóra do seu lugar de residencia’ debemos usar axuda de custo.

*Finiquito: Esta palabra úsase moito no contexto laboral para indicar a liquidación que se fai cando unha persoa traballadora deixa a empresa en que traballa. Pode referirse ao remate das contas ou á certificación que fai constar que estas contas están axustadas. En galego, non existe esta palabra que o castelán creou a partir de tres (fin y quito); no seu lugar, empregaremos liquidación.

*Plantilla: Esta palabra tan introducida no galego ten tres acepcións. Para cada unha delas, a nosa lingua ten varias palabras que cobren perfectamente o seu significado. Non a precisamos!

1. Cadro de persoal, persoal, persoas empregadas… (o cadro de persoal desta empresa está formado por cinco persoas).

2. Formulario, modelo… (É preciso cubrir o formulario que se anexa).

3. Soleta ‘peza interior do calzado que cobre a planta’ (necesito unhas soletas para estes zapatos).

*Prorratear: o verbo correcto é ratear, co significado de ‘repartir unha cota ou porción de maneira proporcional’. O substantivo *prorrata é tamén incorrecto, no seu lugar empregaremos pro rata do latín pro rata [parte] ‘segundo [a parte] calculada’, ‘en proporción’.