O complemento directo sen misterios

Nun artigo anterior expuxemos un dos erros frecuentes na redacción relacionado co complemento directo (CD). Cometémolo cando colocamos a preposición a co complemento directo:

Respondín *a unha pregunta. > Respondín unha pregunta.

A xuntanza reuniu *a moitas persoas. > A xuntanza reuniu moitas persoas.

En galego, a preposición só aparece co CD cando vai cun nome propio ou cun pronome persoal:

Vin a Roberto.

Escoiteina a ela.

Para resolver este erro, é fundamental saber localizar o complemento directo. Por iso, imos revisar os tres trucos máis habituais:

1. A primeira opción é localizar quen recibe directamente a acción do verbo (por algo se lle chama directo). O máis habitual é facelo preguntándolle ao verbo que + verbo?  Cómpre dicir que a famosa preguntiña non sempre resolve:

Tirei unha foto co móbil > que tirei? > unha foto.

Chamei o meu irmán > que chamei? > ?

2. O vello truco de pasar a oración a pasiva segue funcionando. Aquí non hai dúbida, o complemento directo pasa a ser suxeito paciente nunha oración pasiva:

Perdín o anel > o anel foi perdido por min.

Tirei unha foto co móbil > a foto foi tirada por min.

Chameite a ti > ti fuches chamado por min.

3. Por último, temos a opción de substituír a secuencia polo pronome átono correspondente. Claro que isto esixe lembrar os complementos átonos de CD e de CI.

Perdín o anel > perdino  (se fose indirecto teriámolo que substituír por lle).

Tirei unha foto > tireina (se fose indirecto teriámolo que substituír por lle).

Respondín unha pregunta. > respondina.

A xuntanza reunión moitas persoas. > reuniunas.